Ir o contido principal

Oferta de obradoiros

Esta ría é un choio

Esta ría é un choio

Este obradoiro aborda a temática dos ecosistemas das Rías Baixas a través de especies representativas vencelladas co discurso da exposición permanente. Por outra banda, faise fincapé na concienciación do coidado ambiental a través da reciclaxe.

Dispoñible a actividade en versión online.

  • 6-9 anos
Con A de astronomAs

Con A de astrónomAs

Esta actividade pretende ofrecer ás novas xeracións referentes femininos no sector científico. Trátase dunha actividade didáctica adaptada a diferentes niveis escolares sobre o esquecemento intencionado ao longo da historia da achega realizada polas mulleres de ciencia. Neste obradoiro ademais de traballar coñecementos básicos sobre a astronomía e a súa aplicación a cuestións prácticas como a orientación na navegación, centrámonos na achega dalgunhas astrónomas que puideron ser recuperadas para a historia.

  • 4-12 anos
Telling stories at the museum

Telling stories at the museum

Con esta actividade achegaremos de forma atractiva e interactiva os contidos principais do relato museístico da exposición permanente: a conquista do mar e a explotación dos recursos do mar, a través da industria conserveira e baleeira, aprendendo o vocabulario específico escrito e oral en inglés con xogos e preguntas.

  • A partir de 6 anos
A arte de navegar

A arte de navegar

A arte de navegar require de coñecementos en materias como astronomía, matemáticas, xeometría e cartografía. Neste obradoiro coñecerán e descubrirán as partes principais dun barco e a distribución de tarefas que se realizan a bordo mediante un xogo en equipo onde a tripulación deberá superar algunhas probas empregando coñecementos básicos de diferentes disciplinas.

  • 6-12 anos
Massomakion

Massomakion: Catro propostas de tangram sobre deseños das latas Massó

O MassoMakion é unha versión do quebracabezas máis antigo que coñecemos, o Stomakion, que foi ideado no século III antes da nosa Era por Arquímedes de Siracusa.

No MassoMakion proponse un xogo a partir dos deseños das latas da empresa Massó e as formas xeométricas. Pódense construír ata catro deseños diferentes coas pezas do tangram.

Dispoñible a actividade en versión online.

  • 6-12 anos
  • Obradoiro accesible para persoas con discapacidade intelectual
Origami mariño

Origami mariño

Obradoiro sobre as artes de pesca e a división por xénero do traballo no sector pesqueiro, desenvolvido a partir de contidos da sección da exposición permanente dedicada á industria baleeira e da mostra temporal Crecer co mar. Os gozos e as sombras dunha vila mariñeira. Conclúese cunha actividade manual que consiste na elaboración dun animal mariño coa técnica do origami.

Dispoñible a actividade en versión online.

  • 6-12 anos
  • Obradoiro accesible para persoas con discapacidade intelectual
Mensaxe nunha botella

Mensaxe nunha botella

As mensaxes dentro das botellas agochadas polas salas de exposición revelarán ás persoas participantes a importancia que teñen os océanos para o noso planeta, tanto para a diversidade das especies como pola súa influencia no clima. Mediante un xogo deberán completar unhas tarxetas que aportarán as pistas necesarias para atopar as mensaxes.

  • 6-12 anos
Arqueólogos por un día

Arqueólog@s por un día

Obradoiro práctico sobre a actividade arqueolóxica centrado nos achados do xacemento de Pescadoira en Bueu onde se atoparon os restos dunha fábrica de salga e un taller de ánforas de época romana.

 

  • 6-12 anos
O Nautilus de Lugrís

O Nautilus de Lugrís

Actividade que xira ao redor da figura do pintor Urbano Lugrís e a súa vinculación co museo e a familia Massó. Proponse un xogo no que se trata de buscar en reproducións de cadros do pintor as pezas da colección do museo nas que se inspirou o artista para formar a súa particular iconografía.

  • 6-12 anos
A gran batalla de Rande

A gran batalla de Rande

Obradoiro didáctico que se achega ao episodio histórico da batalla de Rande e ao mito dos tesouros dos galeóns afundidos. As persoas participantes tamén terán que elaborar un taboleiro para xogar ao xogo de afundir a frota inspirado nesta batalla.

  • 7-10 anos