A aparición en 1545 da obra Arte de navegar de Pedro de Medina débese a motivos eminentemente prácticos para dar resposta aos problemas técnicos que formulan as longas viaxes en alta mar lonxe das costas. Este tratado, ao longo do século XVI, tivo un papel fundamental nas viaxes de exploración, na apertura de novos escenarios en América, no desenvolvemento das cartas de marear, dos instrumentos necesarios para a navegación e da propia astronomía. Na dedicatoria, o propio autor sinala as razóns que o levaron a compoñer a súa obra: “os beneficios da arte da navegación, que contribuíu a engrandecer os dominios españois, e a axuda que a obra proporcionará aos que emprenden a navegación por lugares remotos e descoñecidos".
Este traballo espertou interese en todo o continente europeo, xa que se trataba do primeiro tratado exclusivamente dedicado ao tema náutico, foi utilizado como guía para tratados posteriores datados nos séculos XVI e XVII sobre esta mesma materia e converteuse no texto básico para a formación de pilotos en España e tamén en Europa. Traduciuse e editouse quince veces en Francia, entre 1554 e 1663, tres veces en Italia, cinco veces en Holanda e dúas en Inglaterra.
A obra comprende oito partes ou libros, dedicados aos seguintes temas: 1. «Do mundo, da súa orde e composición»; 2. «Do mar e os seus movementos, e como foi inventada a navegación»; 3. «Dos ventos, da súa calidade e nomes, e como se ha de navegar con eles»; 4. «Da altura do Sol, e como se ha de rexer por el a navegación»; 5. «Da altura dos polos»; 6. «Das agullas de navegar»; 7. «Da Lua, e como os seus crecentes e minguantes serven na navegación»; 8. «Dos días do ano», cuxo contido está ilustrado con gravados xilográficos para axudar á súa comprensión que representan diagramas, táboas e figuras que mostran a posición do sol, a lúa e os ventos. A beleza da impresión salta á vista: alternancia de deseños nas fundicións de letras utilizadas góticas e redondas; a variedade de iniciais gravadas de diferentes tamaños; o detalle de presentar o texto das páxinas enmarcado, con filetes que separan columnas, tituliños e encabezamentos; a presenza de tintas de dúas cores, etc., todo iso nun tratado que dende a súa aparición se converteu nun manual fundamental na formación de pilotos.
O autor: Pedro de Medina, escritor e eclesiástico español, tal vez nacido en Sevilla en 1493 e morto na mesma cidade en 1567, sábese que creceu na residencia dos duques de Medina Sidonia. Ao parecer, foi en boa medida autodidacta, a pesar do cal alcanzou unha sólida formación literaria e científica. Especialista en astronomía e cosmografía, demostrou ser un gran matemático e historiador. Como autoridade nestas materias, a Casa de Contratación consultábao frecuentemente sobre asuntos relacionados con instrumentos náuticos e cartas de marear. En 1538 falábase del como dun "clérigo". Non obstante, Medina preferiu de modo expreso dedicarse ao estudo dos problemas de navegación.
Ficha do museo:
Medina, Pedro de
Arte de navegar en que se contienen todas las reglas, declaraciones, secretos y avisos q a la buena navegacio son necessarios, y se debe saber / hecha por el maestro Pedro de Medina. - Valladolid : en casa de Francisco Fernandez de Cordoua, 1545. - [6], C, [1] f. : il. ; - - Texto a dúas cor. enmarcado. - Port. a dúas tintas, con orla tip. e esc. real xil.. - Ilustración xil. I. Fernandez de Cordova, Francisco, imp. II. Titulo