Ir o contido principal
EXPOSICIÓN TEMPORAL

Ons. A illa no 2007. Fotografías de Alberte Peiteavel

Produción propia

41 fotografías a cor

Autor: Alberte Peiteavel

Tamaño das fotografías: variable, dende 50 ata 150 cm de ancho

Comisario e coordinador: Roberto Aneiros García

Datas: do 11 de xuño ao 8 de novembro

Horario: martes a sábado de 10 a 20 h, domingos e festivos de 10 a 14 h., luns pechado.

Estas fotografías de Alberte Peiteavel foron sacadas para formar parte dun artigo sobre Ons da revista GPS e algunhas delas publicáronse naquela reportaxe, pero a maior parte non foron vistas polo público anteriormente.

Ao longo destas instantáneas poderemos observar unha serie de imaxes que forman parte da vida cotiá da illa e así encontrámonos con panorámicas do océano batente, as praias ou as rochas; a partir de aí descubrimos a pegada humana: unha fonte, unha casa, unhas nasas, etc. e o impresionante faro como exemplar arquitectónico. Pasamos logo por unha pequena galería de retratos dos habitantes da illa, e finalmente o recorrido insular finaliza con fotos da fauna e da flora. Para esta exposición realizouse un positivado especial en plotter e algunhas delas son transparencias colocadas en caixas de luz.

O fotógrafo, Alberte, viviu durante cinco días na illa e sobre o seu traballo aqueles días conta "A forma de traballar era localizar bos sitios nas peores horas de luz e logo ter controladas as horas de saída e posta do sol para así chegar aos lugares a fotografar nos mellores momentos de luz. Isto facía que en ocasións tivera que ir con noite pecha aos lugares, o que non sempre é doado se non coñeces ben bos camiños. Ademais, a pesar de ser noites moi despexadas, non había lúa, polo que eran especialmente escuras. Para facer unha das fotos tiven que baixar por un acantilado, non fun o suficientemente previsor e fíxoseme de noite abaixo, a verdade é que non foi precisamente doado saír de alí."

Ademais das fotos de Peiteavel, a mostra complétase coa proxección permanente de dous documentais Son de Ons (cortesía do CGAI) A illa de don Didio, ambos os dous cun fondo etnográfico e histórico e que supoñen un paseo pola memoria dun pobo. Tamén expoñemos unha ortofoto da illa e pequenos textos de sala nos que se proporcionan os datos e a información significativa para coñecer este arquipélago. Así mesmo, exponse un poema de Urbano Lugrís sobre a illa e unha lenda antiga de Ons.

En conclusión, esta pequena mostra é unha espléndida ocasión de contemplar imaxes singulares da illa e tamén de realizar un repaso da súa historia dun xeito moi sinxelo.

Cando?
Do mércores, 10 de xuño de 2009 ao sábado, 7 de novembro de 2009

Máis exposicións

Ver exposicións pasadas

8M. Un obxecto, unha historia invisible

Exposición temporal con motivo da celebración do Día Internacional da Muller. 

  • Do domingo, 8 de marzo de 2026 ás 09:00 ao mércores, 30 de decembro de 2026 ás 21:00
  • Dende o domingo 8 de marzo de 2026 na sala da industria conserveira
Máis información

25N. Os Desastres da Guerra. O corpo das mulleres como arma de guerra

Exposición temporal co motivo da celebración do Día internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres

  • Do martes, 25 de novembro de 2025 ao mércores, 30 de decembro de 2026
  • Dende o martes, 25 de novembro de 2025
Máis información