O museo que medra dentro dunha fábrica de conservas
O Museo Massó acolle o legado cultural que durante xeracións foi crecendo no seo desta familia de empresarios da conserva cunhas inquietudes culturais pouco habituais.
A partir de 1928 a vella fábrica conserveira Massó prepárase para acoller a biblioteca de libros antigos e as coleccións sobre a historia da navegación que foran reunidas ao longo de tres xeracións, para integralas entón como un museo dentro do complexo fabril de Bueu.
Aos poucos, a medida que se amplía a fábrica, as coleccións e a biblioteca irán estendéndose dentro das antigas instalacións industriais que se liberan da actividade produtiva. O museo crece dentro da fábrica de conservas. Despois do peche da conserveira en 1992, e da desafortunada derriba de gran parte das arquitecturas industriais, esta situación invértese e será o museo o que asuma o papel de salvagarda do que sobreviviu daquela industria.
En 1994, despois do peche da fábrica de Bueu, a colección e unha parte dos edificios da antiga conserveira que ocupaba o museo foron adquiridos pola Xunta de Galicia. En 2009 o Concello de Bueu cedeulle o resto das edificacións que se salvaron da derriba para integralas no museo.