Instalado nos edificios máis antigos do complexo conserveiro Massó Hermanos SA, hoxe é o máximo expoñente museístico do importante vínculo de Galicia co mar, con coleccións que son únicas en todo o territorio español.
Situado nas inmediacións do porto de Bueu, na ría de Pontevedra, embárcanos na aventura da conquista do mar e das grandes expedicións marítimas, e ofrécenos unha experiencia de coñecemento sobre a explotación dos recursos do mar a través das industrias da salgadura, das conservas e das factorías baleeiras. En xullo do ano 2025 inaugurouse unha sala dedicada ao pintor galego Urbano Lugrís e a os inicios da súa carreira artística vinculados á familia Massó.
As orixes e a traxectoria deste museo fixeron que a comunidade na que se asenta desenvolvese un forte sentimento de pertenza e de orgullo, ata o punto de que na actualidade forma parte da memoria colectiva como un elemento de identidade e de cohesión social.
O Museo Massó é actualmente unha institución de titularidade e xestión autonómica, creado mediante o Decreto 238/2002 de 4 de xullo da Xunta de Galicia.


